scholarly journals A Táboa Periódica na Química Inorgánica

2020 ◽  
Vol 90 ◽  
pp. 169-187
Author(s):  
Manuel R. Bermejo ◽  
Ana M. González-Noya ◽  
Marcelino Maneiro ◽  
Rosa Pedrido

No século XVIII non había táboa periódica, pero si existía xa a Química Inorgánica, que os franceses chamaban “Chemie Minerale”. Ata finais do século XVIII e desde os tempos alquímicos, as químicas de todos os tempos miraban canto estaba ao seu redor e investigaban para coñecelo mellor e utilizalo na súa vida cotiá. Deste xeito foron descubrindo e utilizando os chamados metais clásicos (Au, Ag, Cu, Sn, Fe, Pb, e Hg), tamén o carbono e o xofre, e logo foron aparecendo moitos outros elementos químicos. Así ata 33 elementos, que os Lavoisier colocaron na súa Táboa das sustancias simples do seu libro “Tratado Elemental de Química”, no que incluíron tamén sustancias que erroneamente consideraron elementos. Incidentalmente anotaremos que, dende os filósofos clásicos (hai máis de 2300 anos) se enunciaron e se aceptaron como Elementos-Principio: a Auga, a Terra, o Aire e o Lume. Estes Elementos, enunciados como tales por Aristóteles, foron recuperados por Tomás de Aquino e os escolásticos para seren propagados no tempo ata chegar ao século XVIII, no que foron agrupados por G. Stahl na súa Teoría do Floxisto. A finais do século XVIII (entre 1780-1789) será o matrimonio Lavoisier quen, paseniño, irá desmontando esta teoría do floxisto ao demostrar que non se trataba de elementos, senón que eran compostos integrados por varios elementos químicos distintos. Nese derradeiro terzo de século o mundo da química era un auténtico caos: estábanse descubrindo novos elementos, pero tíñase pouca seguridade de que foran auténticos e novidosos. Tíñanse preparado moitos compostos, pero cada un era chamado como lle petaba ao seu descubridor, e mesmo un mesmo composto tiña diversos nomes en función de que investigador o citaba. Existía unha teoría, a do Floxisto, que semellaba ser incorrecta e non seguida por todos. Non existía unha linguaxe común, coa que todos se puideran entender. Non había unha linguaxe institucionalizada, como sucedía nas matemáticas e na física, na que todos cantos as practicaban puideran expresar as súas ideas e comunicarse,…etc. En resume, a Química non era, aínda, unha ciencia institucionalizada, como o eran as Matemáticas e a Física.

Sign in / Sign up

Export Citation Format

Share Document