Podemos falar dunha Rosalía transmedial?
Rosalía de Castro, cerne do canon literario galego, coñeceu unha fortuna moi irregular na súa transmutación de figura autoral en símbolo, pois sendo unha efixie cultural indiscutida, a súa centralidade implicaría o apagamento de moitas das súas actitudes e conviccións. Este contraste entre recoñecemento e descoñecemento reproduciuse en moitos ámbitos, entre eles o audiovisual, sector no que o proceso de construción da imaxe da escritora ocupa un lugar significativo, pero tamén xorde marcado polas contradicións detectábeis nos outros campos. Por esta razón, cremos que reexaminar a pasaxe do relato vital e literario de Rosalía ao audiovisual, sexa desde o terreo dos estudos cinematográficos, sexa desde os estudos literarios, e máis concretamente desde as achegas das narrativas transmediais, poden proporcionar máis luz no arduo proceso de configuración do símbolo rosaliano e, con el, de toda a cultura. Con esa perspectiva, no presente traballo estudamos a transmediación rosaliana realizada na miniserie Contou Rosalía (2018), con especial atención ao tratamento dado á imaxe de Rosalía no telefilme e nos documentos audiovisuais xerados ao redor do mesmo, e a súa relevancia na conformación da identidade galega.