Unha experiencia de adaptación metodolóxica á docencia virtual e as súas implicacións no seguimento por parte do alumnado
Neste traballo expóñense os cambios metodolóxicos, incluíndo os relativos á avaliación e ás titorías levados a cabo na materia Educación Matemática 1, de 1º do grao en Educación Primaria para adaptar a docencia á modalidade virtual. Para as sesións asíncronas, graváronse vídeos explicativos sobre contidos teóricos aos que o alumnado podía acceder con antelación. As sesións síncronas dedicáronse principalmente a ilustrar a posta en práctica dos contidos teóricos expostos nos vídeos. Nelas os estudantes empregaron os recursos que ofrece Teams para se organizar en pequenos grupos dentro do grupo xeral, o que facilitou a interacción co docente. A avaliación foi continua, con varias probas síncronas individuais a través de Moodle e a realización dun traballo por grupos. As titorías realizáronse vía Teams e cobraron maior peso relativo respecto a cursos anteriores, con docencia presencial. O seguimento das distintas sesións foi, en termos xerais, sostido ao longo do cuadrimestre, e non houbo incidencias importantes na realización das probas on-line nin no funcionamento dos pequenos grupos. Porén, algúns fenómenos observados durante as sesións síncronas suxiren posíbeis anomalías no xeito de atender á sesión. Os resultados da avaliación foron máis positivos ca nas edicións presenciais da materia.